Mostrando entradas con la etiqueta A Mariña entre bambolinas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta A Mariña entre bambolinas. Mostrar todas las entradas

15/5/25

Clausura da exposición da Microrrede "A Mariña entre bambolinas"

Rematamos a exposición "A Mariña entre bambolinas" cun broche de ouro! 

No acto de clausura gozamos da fantástica actuación do coro do CEP Lois Tobío, que nos agasallou coa súa interpretación de "Todo sobre a linguaxe musical". Un peche perfecto para unha mostra chea de arte, memoria e emoción.

A agrupación teatral Mecanismo puxo o punto final perfecto cunha obra superdivertida e en primicia, feita con moito agarimo como homenaxe a dúas compañeiras moi queridas que xa non están connosco: Patricia e Mª Amparo. Risas, emocións e lembranza para pechar esta experiencia única. 

Grazas a todas e todos por facelo posible!

Accede ao álbum de fotos AQUÍ.




14/5/25

Máis teatro!!!!

Que espectáculo máis fermoso vivimos hoxe! O alumnado do CEIP Vista Alegre sorprendeunos cunha dramatización marabillosa: unha reinterpretación chea de humor e creatividade dos contos tradicionais! 
E como broche de ouro, o profesorado da EEI San Roque conquistou o público co teatro de sombras “O nacemento do dragón”.  Arte, talento e ilusión en estado puro!

Accede ao álbum de fotos AQUÍ.






13/5/25

Acto Inaugural Microrrede "A Mariña entre bambolinas"

A Microrrede de Bibliotecas Escolares da Mariña inaugura a exposición “A Mariña entre bambolinas” cun acto que convida á reflexión e á creatividade teatral

Esta tarde, tivo lugar o acto de inauguración da exposición “A Mariña entre bambolinas”, un proxecto colaborativo promovido pola Microrrede de Bibliotecas Escolares da Mariña ao abeiro do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), co obxectivo de implicar á comunidade educativa no fomento da lectura e da expresión artística a través do teatro.

A xornada comezou cunha cálida benvida feita pola nosa compañeira Xiana, mestra de cerimonia, na que se destacou a importancia desta iniciativa, que xa leva catorce edicións consecutivas promovendo a lectura e a cultura entre o alumnado e as súas familias. A proposta deste ano, centrada no lema “A biblioteca escolar, a escena”, pon o foco no teatro como ferramenta educativa, emocional e social, convidando a explorar múltiples perspectivas e realidades dende as táboas.

O acto contou coa presenza institucional de Mariña Gueimunde, alcaldesa do Concello de Viveiro; Sagrario Sánchez Ramil, xefa territorial de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades; Montserrat García Lozano e Roberto Jurado, inspectores de Educación; e Alexandra Cabana Outeiro, asesora da Zona Norte da Asesoría de Bibliotecas Escolares, que puxeron en valor o papel dinamizador das bibliotecas escolares e o compromiso dos centros implicados.

O cartel de mostra foi realizado por Laura Mosquera García, alumna do Bacharelato de Artes do IES Monte Castelo de Burela. A organización tamén agradeceu o traballo do departamento de Artes Plásticas e do profesor César Losada Romero, así como de todo o alumnado participante.

O acto tivo como convidado especial ao dramaturgo Carlos Labraña, referente do teatro infantil e xuvenil en Galicia. Labraña compartiu co público o seu proceso creativo e a visión comprometida da súa obra, na que mestura humor, poesía e denuncia social, tratando temas tan relevantes como o feminismo, a memoria histórica ou os dereitos da infancia.

A exposición permanecerá aberta ao público ata o xoves, en horario de 18:00 a 20:00 horas. Durante esta semana tamén haberá representacións teatrais a cargo do CEIP Vista Alegre, a Escola Infantil San Roque, o CEP Lois Tobío e a agrupación Mecanismo.

O alumnado do IES Vilar Ponte e o CEIP O Vicedo foron os encargados de pechar a xornada inaugural con pezas de microteatro.

A organización agradeceu a colaboración das entidades participantes, especialmente do CFR da Mariña, os Equipos de Dinamización da Lingua Galega e a Asesoría de Bibliotecas Escolares, e fixo un chamamento a continuar promovendo espazos de lecer, creación e reflexión para a mocidade a través das artes escénicas.

Poden acceder ao álbum de fotos aquí. 

Mostra das obras dos centros participantes aquí.


5/5/25

Entramos en escena en 3, 2, 1 .....!

Xa está aquí o programa da nosa exposición anual, que este ano leva por título “A Microrrede entre bambolinas”.

Na inauguración acompañaranos Carlos Labraña, recoñecido dramaturgo, actor e autor de teatro infanto-xuvenil, que nos guiará nun percorrido polo apaixonante mundo do teatro, o xénero protagonista deste curso nas Bibliotecas Escolares.

Do 13 ao 15 de maio, de 18:00 a 20:00 h, o salón multiusos do Concello de Viveiro acollerá esta mostra chea de talento e colaboración. A exposición inclúe 10 traballos creativos, 5 representacións teatrais e unha pequena obra colectiva de monicreques que promete sorprender.

Un ano máis, apostamos pola diversidade de estilos narrativos e artísticos, cunha boa dose de imaxinación e orixinalidade.

PROGRAMA:



2/5/25

Cartel gañador A Mariña entre bambolinas

Xa temos cartel para a exposición da Microrrede!

Queremos dar as grazas ao alumnado do Bacharelato de Artes do IES Monte Castelo polo seu talento e implicación neste proxecto. En especial, recoñecemos o traballo de Laura Mosquera García, autora da imaxe que poñerá cara á nosa exposición e que simboliza a creatividade e o espírito colaborativo desta iniciativa.

 📍Salón Multiusos do Concello de Viveiro 

🗓️Entre o 13 e o 15 de Maio. 

🖌️ Deseño do cartel: Laura Mosquera García

30/4/25

Reunión dos membros da Microrrede - A Mariña entre bambolinas

O pasado 29 de abril voltamos a xuntarnos cheos de ilusión para dar os últimos retoques á planificación da nosa exposición: A Mariña entre bambolinas.

Durante a reunión, pechamos as actuacións que levarán a cabo os centros participantes, fixemos listaxe do material necesario e tomamos unha decisión moi especial: preparar un pequeno agasallo para premiar o talento das nosas pequenas e pequenos actrices.

A exposición celebrarase en Viveiro, do 13 ao 15 de maio, e xa estamos desexando compartila con vós.

Moi pronto anunciaremos o cartel gañador e publicaremos o programa completo. Estade atentos!

21/1/25

Formación do profesorado en teatro

Durante tres días, o profesorado participou nunha enriquecedora formación sobre teatro impartida por dous destacados relatores especializados en artes escénicas. A formación combinou teoría e práctica, abordando técnicas de interpretación, expresión corporal e dinámicas creativas para aplicar na aula. Os relatores ( Miguel Guido e Pablo Reboleiro) guiaron aos docentes a través de obradoiros interactivos que fomentaron o traballo colaborativo, a improvisación e a creación de pezas teatrais. 

Ademais, ofrecéronse ferramentas pedagóxicas para integrar o teatro como recurso educativo, promovendo o desenvolvemento de habilidades comunicativas, emocionais e sociais no alumnado. Esta experiencia deixou ao profesorado inspirado e preparado para levar a arte teatral ás aulas dun xeito innovador e significativo.

Grazas ao CFR de Burela por esta formación que nos axudará moitísimo para a nosa labor educativa. 









3/10/24

A biblioteca escolar, a escena!

O xoves, 3 de Outubro, reunímonos integrantes da Microrrede A Mariña para dar comezo a un novo proxecto, sendo este o décimo terceiro. 

A reunión realizada de forma presencial, realizouse en primeiro lugar para facer unha achega aos novos e novas integrantes, así como guiar o proceso de construción do novo proxecto.
O obxectivo central desta nova edición é aportar dinamismo e potenciar o lema do 2024-2025 das bibliotecas escolares: unha biblioteca escolar, a escena!. Poñendo así o foco en todas as posiblidades que nos ofrece o teatro tanto no disfrute do lector como na aprendizaxe curricular en todas as etapas educativas.

Así pois, este curso, o obxectivo da Microrrede é poñer en valor o teatro, destacando su valor educativo y creativo. O teatro permite fomentar a imaxinación, a lectura, a empatía e as habilidades sociais, además de ofrecer un enfoque inclusivo e colaborativo. Cada centro realizará un traballo individual de centro adaptado á súa realidade e participará nun proxecto colaborativo que culminará, coma sempre, na exposición final no mes de Maio. 

Así, unha biblioteca convertase nun espacio central de creación e aprendizaje, acompañando ao alumnado, a cultura e ao desenvolvemento de competencias esenciais dun xeito dinámico e participativo.

Acordamos tamén o formato de presentación da exposición conxunta, as datas da mesma e de outras tarefas internas que se incluirán dentro do proxecto.

Este trimestre teremos máis reunións, na que actualizaremos o proceso de creación e ultimaremos todos os detalles polo miúdo.
Moito ánimo e saúde!