19/11/24

Ratígoras no IES Vilar Ponte

 ESCENA 5

Personaxes:

·Josefina
·Platanito
·Ratígoras

(O bibliobús segue o seu percorrido polas bibliotecas e vaise facendo de noite. De súpeto, Ratígoras atópase dous personaxes no medio da escuridade farfallando algo inintelixible).

RATÍGORAS: Quen anda aí? Estou armado! Teño toda a colección de enciclopedias universais!

JOSEFINA: Por fiiiin! Axuda, axuda por favor!

PLATANITO: Siii, axuda! 

RATÍGORAS: MAAAAN, LUUUUUZ POR FAVOOOOR! 

(Unha man dun alumno achega unha vela)

RATÍGORAS: Ben, con isto chegará. Que susto me destes! Que pasou aquí?

PLATANITO: Es o famoso Ratígoras? Que ben, que boa sorte! Eu son Platanito e esta é Josefina. Vivimos aquí, na biblioteca do IES Vilar Ponte, estabamos cos rapaces hoxe lendo un libro no recreo e….

JOSEFINA: E ENGANCHOUNOS!

PLATANITO: Si, enganchounos, estamos enganchados!

RATÍGORAS: Non podedes soltalo?

JOSEFINA: Non, é imposible, fíxosenos de noite lendo.

RATÍGORAS: A ver, deixádeme intentar axudarvos…

(Ratígoras tenta soltalos á forza, pero non hai maneira).

RATÍGORAS: Non hai maneira, amigos. Creo que a única forma de solucionar isto é que o rematedes.

JOSEFINA: O que? O libro? É que non vemos nada!

RATÍGORAS: Un momento! MAAAAAANS, LUUUUUUZ!! 

(Aparecen máis mans de alumnado con máis velas).

(Josefina le as dúas frases finais do libro e tanto ela como Platanito son libres).

JOSEFINA E PLATANITO: Beeeen! Moitísimas grazas, Ratígoras! 

RATÍGORAS: De nada, amigos. Marcho, que teño que marchar: aínda quedan moitas bibliotecas que visitar.

JOSEFINA E PLATANITO: Boa viaxeeee!

Fin da escena