12/11/24

Ratígoras no IES María Sarmiento

 Título: A CAVERNA

Personaxes:

  • Ratígoras

  • Patágoras

  • Sópates

  • Patón

Escena 4: 

(RATIGORAS está na biblioteca lendo un libro. ao seu redor hai moitos de gran formato e estanterías repletas de exemplares. Ratígoras está encerrado nunha urna acristalada, Aparecen en escena PATÓN, PATÁGORAS E SÓPATES, tres filósofos movidos pola fama de sabio de RATÍGORAS.)

PATÓN: Oh, gran Ratígoras! Vimos coñecerte  porque din que es o máis sabio do María Sarmiento!

PATÁGORAS:  Oh, gran Rato!  Es o máis sabio de  todo Viveiro!

SÓPATES; Oh gran Roedor! Aínda moito máis! Es o máis sabio de toda A Mariña!

(RATÍGORAS  deixa o libro e mira cara a eles)

RATÍGORAS: Non sei de onde sacastes iso. Pois eu só sei que non sei nada…

PATÓN: Como que non sabes nada? Algo saberás, pois a túa fama precédete.

RATÍGORAS: (Indicando para as estanterías) Ves estes libros? Pois hai moitos dos que non sei nada. Hoxe comín un pouquiño deste. (Enfoca un libro grande azul). Sabía algo salgado pois fala dos mares e océanos e de postre collín unha novela de piratas… sabía a bombón de trufa. Queredes probar? Porque non hai sabiduría se non se saborea o coñecemento.

PATÁGORAS: Eu  xa coñezo o mar, está aquí ó lado.

RATÍGORAS: Pero eu podo ver e imaxinar todos os mares do mundo sen saír de aquí.

PATÓN: Tamén tes que saír da biblioteca e coñecer a verdadeira realidade. Ven con nós no bibliobús e coñecerás todas as bibliotecas da Mariña.

SÓPATES:  Nós si que che ensinaremos os tesouros das outras bibliotecas.

(Convenceron a Ratigoras e marcha con eles no bibliobús a buscar eses tesouros das bibliotecas)