9/6/19

CLAUSURA DA EXPOSICIÓN "A poesía que sentimos"

Na tarde do xoves, 6 de xuño, demos por finalizada a exposición deste curso.
No acto de clausura dirixido por Karina Parga, coordinadora da Biblioteca do IES Perdouro, houbo moitas intervencións:
  • As regueifas co alumno Cristian Gómez
  • Discurso de clausura con Pilar e Irma, coordinadoras do CEP Lois Tobío e IES Vilar Ponte.
  • Actuación especial de David Catá e Juan Cabalar.
  • Lectura dun manifesta a cargo de Alba Geada.
  • Presentación especial do libro "Esta non é outra historia de piratas" de María Rolle e Mari Pernas.

6/6/19

Seguimos presentando máis noticias na prensa

Ciclo "A Poesía que sentimos", 

no teatro de Viveiro

(La Voz de Galicia) 


A MICRORREDE NA PÁXINA DA CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN

Bibliotecas de 16 centros educativos da Mariña reflexionan arredor da poesía

Mar, 04/06/2019
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou esta tarde na inauguración das xornadas A Poesía que sentimos, coas que a Microrrede A Mariña –composta polas bibliotecas escolares de 16 centros educativos da zona– reflexionan arredor da poesía. As actividades son froito dun proxecto colaborativo realizado entre todas elas tomando como base o lema proposto pola Consellería para este curso 2018/19, Poéticas diversas na biblioteca escolar.
Durante a súa intervención a conselleira salientou o papel das bibliotecas escolares como motores de innovación nos centros educativos. “Nelas é onde primeiro se van adaptando as tendencias en aprendizaxe participativo, con enfoques acordes ás formas de acceder á información e de construír o propio coñecemento”, dixo. Así mesmo destacou a súa importancia na adquisición das competencias básicas do alumnado, ao funcionar como “centros de recursos para a lectura, a información e a aprendizaxe, que axudan á consecución dos obxectivos educativos”.
Carmen Pomar explicou que se está a avanzar con firmeza cara a un modelo de biblioteca inclusiva, “que responda, de xeito real, ás necesidades de todo o alumnado e que enfronte os retos que a diversidade presenta”. “As experiencias que se están a levar a cabo na Microrrede son un moi bo exemplo deste papel, así como do compromiso das comunidades educativas coa formación dos máis novos”, sinalou, felicitando a docentes, alumnado e familias implicadas polo traballo realizado.
As xornadas A Poesía que sentimos desenvolveranse os días 4, 5 e 6 de xuño en Viveiro. Tras a inauguración desta tarde celebrouse un recital poético a cargo das nenas e nenos da EEI San Roque, así como dúas actuacións do Conservatorio de Música de Viveiro. A xornada inaugural contará tamén cun recital poético do creador de historias Antón Cortizas e coa intervención artística da asociación Tá en Artes, que pintará en directo na rúa trasladando as palabras poéticas ao debuxo para espertar emocións.
O mércores será a quenda do teatro, cunha obra contra o acoso escolar da agrupación teatral da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A mariña, Es único: teatro contra o bullying. O xoves pecharanse as actividades cun concerto audiovisual a cargo de David Catá e Juan Cabalar e coa presentación do libro Esta non é outra historia de piratas, da mestra e escritora María Rollé.
As xornadas complétanse cunha exposición de traballos elaborados polo alumnado dos centros educativos que compoñen a Microrrede A Mariña, que se pode visitar no salón multiusos do Concello de Viveiro. Ademais, o Centro Comercial Histórico difundirá a poesía oral en voz das nenas e nenos por megafonía nas rúas do casco histórico e os establecementos da zona exporán tamén a poesía manuscrita feita polo alumnado.
Na Microrrede A Mariña participan as biblioteca escolares da EEI San Roque (Viveiro), do CEP Lois Tobío (Viveiro), do CEIP de Celeiro (Viveiro), do CEIP Plurilingüe de Covas (Viveiro), do CEIP Plurilingüe Santa Rita (Viveiro), do CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán (Xove), do CEIP de Cervo (Cervo), do CEIP Plurilingüe Vista Alegre (Burela), do CEIP Castro de Ouro (Alfoz), do CEIP Fondo-Nois (Foz), do IES María Sarmiento (Viveiro), do IES Vilar Ponte (Viveiro), do IES Perdouro (Burela), do IES Monte Castelo (Burela), do IES Illa de Sarón (Xove) e da Escola Oficial de Idiomas de Ribadeo

Poéticas diversas

A consigna escollida este curso desde a Consellería, Poéticas diversas na biblioteca escolar, apunta cara a biblioteca escolar, os seus recursos e posibilidades como un lugar privilexiado para estimular o descubrimento da poesía, que se atopa en todos os lugares: nas paisaxes, na música, no cine, na palabra dos poetas, na tradición oral ou no último descubrimento científico. Poéticas Diversas convida a asolagar as aulas de poesía, a coñecer a excelente e variada creación poética galega destinada a todas as idades e a que o alumnado descubra a tradición lírica da nosa Comunidade.

5/6/19

2ª Xornada da Exposición "A poesía que sentimos"

Xornada do mércores, 5 de xuño, coa representación teatral:
"Es único: teatro contra o bullying".
Obra contra o acoso da agrupación teatral da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña.

Dende a Microrrede 
A MARIÑA queremos agradecer a colaboración da Asociación co noso proxecto e especialmente aos participantes na representación teatral.
MOITÍSIMAS GRACIAS!!! 

INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN

Na tarde o martes, 4 de xuño de 2019, no Teatro Pastor Díaz de Viveiro, tivo lugar a xornada de Inauguración guiada pola mestra de ceremorias Karina Parga, coordinadora da Biblioteca do IES Perdouro de Burela.
No acto interviron a Asesora de Bibliotecas Escolares, María Consuelo Gundín Rey; a Coordinadora dos EDLG, Pilar Teijeiro Díaz; a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García e a Conselleira de Educación, Carmen Tomar Tojo.
Tamén nos acompañaron o Director Xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal Rodríguez; a xefa territorial de Educación en Lugo, María del Carmen Gueimunde González; os inspectores, Branca Nazaré Guerreiro Múnoz e Faustino Martín González,
Asemade tamén contamos  cos protagonistas destas xornadas, os nenos e nenas de todas as idades así como as súas familias: Rosana Fraga Paz, nai do CEIP de Alfoz; en representación do alumnado,  Diana Goás Rego e Andrés Fernández Sospedra do IES María Sarmiento e Ana López Trasancos, da Escola Infantil San Roque de Viveiro.
A parte literaria estivo a cargo de Antón Cortizas, mestre e figura de referencia da literatura galega. Este creador de historias e fantasías tomou a palabra para convertela en poesía.
Na parte musical contamos co grupo de gaitas Amigos do fol e co grupo de metais Petit band, Conservatorio Profesional de Música de Viveiro.
Queremos agradecer a todos os participantes no acto inaugural a súa inestimable asistencia  e colaboración. MOITAS GRACIAS!!!
A continuación podemos ler a escaleta do acto:

Tamén podemos ver un resumo do mesmo en imaxes:


Así o reflexou a prensa

4/6/19

A exposición na prensa



MONTAXE DA EXPOSICIÓN "A POESÍA QUE SENTIMOS"

Na tarde do luns, 3 de xuño, os equipos dos diferentes centros que formamos a MICRORREDE PLAMBE A MARIÑA, realizamos a montaxe da exposición deste curso:
Este ano volvemos a contar coa colaboración do Concello de Viveiro pois nos ceden a Sala Multiusos e a Sala de Exposicións da Biblioteca Municipal. Tamén colaboran con nós o Centro Comercial Casco Histórico, o Conservatorio de Música, o IES Monte Castelo, o Concello de Xove.
Na tarde do martes, 5 de xuño, faremos a inauguración con moitas e variadas actividades: música, poesía... coa asistencia de autoridades e todo o profesorado dos centros.Dado que é moi probable que teñamos mal tempo, o acto de inauguración trasládase ao Teatro Pastor Díaz de Viveiro.
A exposición estará aberta en horario de 18:00 a 20:00 horas para o público en xeral; tamén haberá horarios especiais para aqueles colexios e colectivos que o soliciten.