Na tarde do martes, 23 de xaneiro, ás 18:30 horas, na EEI San Roque de Viveiro, reunímonos as coordinadoras e coordinador das Bibliotecas dos 14 centros que formamos a Microrrede A MARIÑA.
A esta reunión asistiu Chelo Guntín Rey, da Asesoría de Bibliotecas (enlace norte) e foi moi ben recibida pois para nós supuxo un recoñecemento do traballo que levamos realizando ao fronte das diferentes Bibliotecas Escolares nos xa sete anos de vixencia da Microrrede.
Seguindo a "Orde do Día" perfilamos, máis polo miudo, os diferentes aspectos que conleva poñer en marcha un novo proxecto:
- O título do mesmo será: A Mariña pensando en feminino.
- Datas: do luns 7 ao xoves 10 de maio, nas salas de exposicións do Concello de Viveiro (Praza Maior).
- Posta en común dos traballos a realizar polas familias. Nesta ocasión cada centro elixirá o aspecto a traballar sendo as mulleres o tema central:
- "A miña..."
- "Heroínas anónimas"
- "Escritoras..."
- "Voces en feminino"
- "Oficios tradicionais en feminino"
- "Superheroínas na Mariña"
- Actividades dinamizadoras para os días da inauguración, exposición e clausura:
- Confirmamos a creación de dous coros con alumnado de todos os centros que conforman a Microrrede, un con nenos e nenas de Infantil e 1º e 2º de Primaria e outro con nenos e nenas de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria xunto con alumnado de Secundaria.
- Puxemos en común as cancións que poderían cantar e que non imos a desvelar para así poder sorprender os días da inauguración e clausura.
- Ademais haberá outras actividades dinamizadoras que seguro gustarán a todo o público en xeral.
- Reparto de tarefas: prensa, cartelería, protocolo...
A partir de agora cada centro levará a cabo o seu proxecto e expoñerao durante o mes de abril en cada centro respectivamente.
Serán moitas as comunicacións, a través das novas tecnoloxías, para resolver todas as problemáticas que se vaian suscitando, pero serán as que irán motivando ás coordinadoras e coordinador da Microrrede para presentar a 7ª exposición da Microrrede PLAMBE A MARIÑA.