13/5/25

Acto Inaugural Microrrede "A Mariña entre bambolinas"

A Microrrede de Bibliotecas Escolares da Mariña inaugura a exposición “A Mariña entre bambolinas” cun acto que convida á reflexión e á creatividade teatral

Esta tarde, tivo lugar o acto de inauguración da exposición “A Mariña entre bambolinas”, un proxecto colaborativo promovido pola Microrrede de Bibliotecas Escolares da Mariña ao abeiro do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), co obxectivo de implicar á comunidade educativa no fomento da lectura e da expresión artística a través do teatro.

A xornada comezou cunha cálida benvida feita pola nosa compañeira Xiana, mestra de cerimonia, na que se destacou a importancia desta iniciativa, que xa leva catorce edicións consecutivas promovendo a lectura e a cultura entre o alumnado e as súas familias. A proposta deste ano, centrada no lema “A biblioteca escolar, a escena”, pon o foco no teatro como ferramenta educativa, emocional e social, convidando a explorar múltiples perspectivas e realidades dende as táboas.

O acto contou coa presenza institucional de Mariña Gueimunde, alcaldesa do Concello de Viveiro; Sagrario Sánchez Ramil, xefa territorial de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades; Montserrat García Lozano e Roberto Jurado, inspectores de Educación; e Alexandra Cabana Outeiro, asesora da Zona Norte da Asesoría de Bibliotecas Escolares, que puxeron en valor o papel dinamizador das bibliotecas escolares e o compromiso dos centros implicados.

O cartel de mostra foi realizado por Laura Mosquera García, alumna do Bacharelato de Artes do IES Monte Castelo de Burela. A organización tamén agradeceu o traballo do departamento de Artes Plásticas e do profesor César Losada Romero, así como de todo o alumnado participante.

O acto tivo como convidado especial ao dramaturgo Carlos Labraña, referente do teatro infantil e xuvenil en Galicia. Labraña compartiu co público o seu proceso creativo e a visión comprometida da súa obra, na que mestura humor, poesía e denuncia social, tratando temas tan relevantes como o feminismo, a memoria histórica ou os dereitos da infancia.

A exposición permanecerá aberta ao público ata o xoves, en horario de 18:00 a 20:00 horas. Durante esta semana tamén haberá representacións teatrais a cargo do CEIP Vista Alegre, a Escola Infantil San Roque, o CEP Lois Tobío e a agrupación Mecanismo.

O alumnado do IES Vilar Ponte e o CEIP O Vicedo foron os encargados de pechar a xornada inaugural con pezas de microteatro.

A organización agradeceu a colaboración das entidades participantes, especialmente do CFR da Mariña, os Equipos de Dinamización da Lingua Galega e a Asesoría de Bibliotecas Escolares, e fixo un chamamento a continuar promovendo espazos de lecer, creación e reflexión para a mocidade a través das artes escénicas.

Poden acceder ao albúm de fotos aquí.