13/5/25

Acto Inaugural Microrrede "A Mariña entre bambolinas"

A Microrrede de Bibliotecas Escolares da Mariña inaugura a exposición “A Mariña entre bambolinas” cun acto que convida á reflexión e á creatividade teatral

Esta tarde, tivo lugar o acto de inauguración da exposición “A Mariña entre bambolinas”, un proxecto colaborativo promovido pola Microrrede de Bibliotecas Escolares da Mariña ao abeiro do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), co obxectivo de implicar á comunidade educativa no fomento da lectura e da expresión artística a través do teatro.

A xornada comezou cunha cálida benvida feita pola nosa compañeira Xiana, mestra de cerimonia, na que se destacou a importancia desta iniciativa, que xa leva catorce edicións consecutivas promovendo a lectura e a cultura entre o alumnado e as súas familias. A proposta deste ano, centrada no lema “A biblioteca escolar, a escena”, pon o foco no teatro como ferramenta educativa, emocional e social, convidando a explorar múltiples perspectivas e realidades dende as táboas.

O acto contou coa presenza institucional de Mariña Gueimunde, alcaldesa do Concello de Viveiro; Sagrario Sánchez Ramil, xefa territorial de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades; Montserrat García Lozano e Roberto Jurado, inspectores de Educación; e Alexandra Cabana Outeiro, asesora da Zona Norte da Asesoría de Bibliotecas Escolares, que puxeron en valor o papel dinamizador das bibliotecas escolares e o compromiso dos centros implicados.

O cartel de mostra foi realizado por Laura Mosquera García, alumna do Bacharelato de Artes do IES Monte Castelo de Burela. A organización tamén agradeceu o traballo do departamento de Artes Plásticas e do profesor César Losada Romero, así como de todo o alumnado participante.

O acto tivo como convidado especial ao dramaturgo Carlos Labraña, referente do teatro infantil e xuvenil en Galicia. Labraña compartiu co público o seu proceso creativo e a visión comprometida da súa obra, na que mestura humor, poesía e denuncia social, tratando temas tan relevantes como o feminismo, a memoria histórica ou os dereitos da infancia.

A exposición permanecerá aberta ao público ata o xoves, en horario de 18:00 a 20:00 horas. Durante esta semana tamén haberá representacións teatrais a cargo do CEIP Vista Alegre, a Escola Infantil San Roque, o CEP Lois Tobío e a agrupación Mecanismo.

O alumnado do IES Vilar Ponte e o CEIP O Vicedo foron os encargados de pechar a xornada inaugural con pezas de microteatro.

A organización agradeceu a colaboración das entidades participantes, especialmente do CFR da Mariña, os Equipos de Dinamización da Lingua Galega e a Asesoría de Bibliotecas Escolares, e fixo un chamamento a continuar promovendo espazos de lecer, creación e reflexión para a mocidade a través das artes escénicas.

Poden acceder ao albúm de fotos aquí.

4/5/25

Entramos en escena en 3, 2, 1 .....!

Xa está aquí o programa da nosa exposición anual, que este ano leva por título “A Microrrede entre bambolinas”.

Na inauguración acompañaranos Carlos Labraña, recoñecido dramaturgo, actor e autor de teatro infanto-xuvenil, que nos guiará nun percorrido polo apaixonante mundo do teatro, o xénero protagonista deste curso nas Bibliotecas Escolares.

Do 13 ao 15 de maio, de 18:00 a 20:00 h, o salón multiusos do Concello de Viveiro acollerá esta mostra chea de talento e colaboración. A exposición inclúe 10 traballos creativos, 5 representacións teatrais e unha pequena obra colectiva de monicreques que promete sorprender.

Un ano máis, apostamos pola diversidade de estilos narrativos e artísticos, cunha boa dose de imaxinación e orixinalidade.

PROGRAMA:



1/5/25

Cartel gañador A Mariña entre bambolinas

Xa temos cartel para a exposición da Microrrede!

Queremos dar as grazas ao alumnado do Bacharelato de Artes do IES Monte Castelo polo seu talento e implicación neste proxecto. En especial, recoñecemos o traballo de Laura Mosquera García, autora da imaxe que poñerá cara á nosa exposición e que simboliza a creatividade e o espírito colaborativo desta iniciativa.

 📍Salón Multiusos do Concello de Viveiro 

🗓️Entre o 13 e o 15 de Maio. 

🖌️ Deseño do cartel: Laura Mosquera García

29/4/25

Reunión dos membros da Microrrede - A Mariña entre bambolinas

O pasado 29 de abril voltamos a xuntarnos cheos de ilusión para dar os últimos retoques á planificación da nosa exposición: A Mariña entre bambolinas.

Durante a reunión, pechamos as actuacións que levarán a cabo os centros participantes, fixemos listaxe do material necesario e tomamos unha decisión moi especial: preparar un pequeno agasallo para premiar o talento das nosas pequenas e pequenos actrices.

A exposición celebrarase en Viveiro, do 13 ao 15 de maio, e xa estamos desexando compartila con vós.

Moi pronto anunciaremos o cartel gañador e publicaremos o programa completo. Estade atentos!



21/1/25

Formación do profesorado en teatro

Durante tres días, o profesorado participou nunha enriquecedora formación sobre teatro impartida por dous destacados relatores especializados en artes escénicas. A formación combinou teoría e práctica, abordando técnicas de interpretación, expresión corporal e dinámicas creativas para aplicar na aula. Os relatores ( Miguel Guido e Pablo Reboleiro) guiaron aos docentes a través de obradoiros interactivos que fomentaron o traballo colaborativo, a improvisación e a creación de pezas teatrais. 

Ademais, ofrecéronse ferramentas pedagóxicas para integrar o teatro como recurso educativo, promovendo o desenvolvemento de habilidades comunicativas, emocionais e sociais no alumnado. Esta experiencia deixou ao profesorado inspirado e preparado para levar a arte teatral ás aulas dun xeito innovador e significativo.


Grazas ao CFR de Burela por esta formación que nos axudará moitísimo para a nosa labor educativa. 









15/1/25

Ratígoras no IES Illa de Sarón

 [A mascota de Bibliosarón (Billa) está en paradoiro descoñecido. No seu lugar en Xove hai un ratiño espelido, moi parecido a Ratatouille, que lle pide axuda a Ratígoras para atopala. A cambio, fálalle doutros bibliobuses e das furgotecas, que Ratígoras descoñecía e que son o destino ao que o ratiño afrancesado quere ir.

Pescudando, averiguarán entre os dous como ir dende A Mariña ata algunha das localidades do interior da provincia de Lugo onde fai parada unha das furgotecas. Decataranse axiña das nosas carencias en canto a vías de comunicación]


https://www.cultura.gal/gl/furgoteca

https://www.ccbiblio.es/dia-del-bibliobus-en-espana-28-de-enero-de-2024/

https://www.mapasdeespana.com/provincia/mapa-provincia-lugo

https://turismo.deputacionlugo.gal/sites/deputacionlugo.org/files/inline-files/Mapa.pdf