10/5/17

Inauguración da Exposición "A Mariña con moita arte"



“Biblioteca escolar: Territorio das Artes”. Este foi o lema escollido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para as bibliotecas escolares dos centros educativos galegos no presente curso. Propónnos un xogo de exploración por este territorio tan complexo como fascinante que é o mundo da Arte.
E este foi tamén o noso punto de partida para elexir o tema deste ano: “A Mariña con moita Arte”, e para organizar as difererentes actividades dinamizadoras entendidas como unha maneira de experimentar e de expresar a través dunha gran variedade artística a nosa interpretación persoal da Arte en galego, da Arte na Mariña.
O tema era moi amplo e iso deu pé a que as diferentes “artes” estivesen presentes e repartidas polos distintos centros a través de diferentes propostas artístico-literarias: “Arte de Sargadelos e a literatura nas Edicións do Castro”; a pintura, nunha homenaxe a Maruja Mallo ou ben co impresionismo; Mosaicos sobre a poesía mariñana de Xoán Neira; música tradicional; arquitectura popular; Viveiro monumental; a fotografía de faros, e tamén a fotografía interpretativa da literatura mariñana actual; o teatro, con “titeriteando contos”; retratos-caricaturas de persoeiros mariñanos das artes e das letras; “infancias de cine”…Como vedes, hai para todos os gustos, porque a arte é iso, unha cuestión de gustos.
A Microrrede A Mariña de Bibliotecas Escolares tenta dende os seus inicios, e xan van seis anos, ser un axente dinamizador e transmisor da lingua e da cultura galega a través de propostas de traballo colaborativo. A nosa labor como mestras e dinamizadoras das bibliotecas escolares na busca de fórmulas para motivar e implicar a toda a comunidade educativa (alumnado,  profesorado, familias,  autoridades), non é doado, pero dende logo, resulta moi gratificante en días coma este.
Rematou o tempo das xuntanzas, da toma de decisións, das exposicións nos centros, que xa levan uns días, e chegou o momento final, o momento de abrir as portas a esta exposición e amosarvos o resultado do traballo conseguido, da ilusión e do esforzo, facendo unha mención moi especial aos nenos e nenas dos nosos centros e ás súas familias, xa que sin todos eles isto non tería sentido e, de verdade, cada ano nos sorprendedes máis.