Páginas

12/5/17

Xornada de Clausura da Exposición "A Mariña con moita arte"

Na tarde do xoves, 11 de maio, tiveron lugar, na Praza Maior de Viveiro, os actos de clausura da exposición de traballos artísticos elaborados por escolares de trece centros diferentes da nosa comarca e que están a formar parte da Microrrede A Mariña de Bibliotecas Escolares.

A xornada puxo fin a unha semana de exposicións e outras actividades dinamizadoras. As diferentes artes estiveron presentes para dar forma e color a unha mostra de traballos escolares que fomentan o uso e pracer da lectura en familia, invitándonos a entrar nun mundo de soños sen límite, como escoitamos  no discurso que pechou o acto .

Tamén as actividades dinamizadoras que se levaron a cabo amosaron moita arte en forma de música. Así poidemos escoitar as voces dos máis pequechos na inauguración e dos maiores na clausura, facendo unha homenaxe a Maruja Mallo, á música popular, Bob Dylan e a Eduardo Pondal.

Discurso de clausura a cargo de María e Marta 
coordinadoras das Bibliotecas de Covas e Xove respectivamente.

  
No vídeo podemos ver un pequeno resumo do acto



11/5/17

Actividade dinamizadora

Na tarde do mércores, 10 de maio, no Teatro Pastor Díaz de Viveiro, tivo lugar a actuación de Paco Nogueiras dentro das actividades programadas pola Microrrede PLAMBE A Mariña con motivo da Exposición "A Mariña con moita arte".









Clica no Brinca Vai para informarte do seu contido.

http://www.brincavai.com/



Inauguración da Exposición "A Mariña con moita arte"



“Biblioteca escolar: Territorio das Artes”. Este foi o lema escollido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para as bibliotecas escolares dos centros educativos galegos no presente curso. Propónnos un xogo de exploración por este territorio tan complexo como fascinante que é o mundo da Arte.
E este foi tamén o noso punto de partida para elexir o tema deste ano: “A Mariña con moita Arte”, e para organizar as difererentes actividades dinamizadoras entendidas como unha maneira de experimentar e de expresar a través dunha gran variedade artística a nosa interpretación persoal da Arte en galego, da Arte na Mariña.
O tema era moi amplo e iso deu pé a que as diferentes “artes” estivesen presentes e repartidas polos distintos centros a través de diferentes propostas artístico-literarias: “Arte de Sargadelos e a literatura nas Edicións do Castro”; a pintura, nunha homenaxe a Maruja Mallo ou ben co impresionismo; Mosaicos sobre a poesía mariñana de Xoán Neira; música tradicional; arquitectura popular; Viveiro monumental; a fotografía de faros, e tamén a fotografía interpretativa da literatura mariñana actual; o teatro, con “titeriteando contos”; retratos-caricaturas de persoeiros mariñanos das artes e das letras; “infancias de cine”…Como vedes, hai para todos os gustos, porque a arte é iso, unha cuestión de gustos.
A Microrrede A Mariña de Bibliotecas Escolares tenta dende os seus inicios, e xan van seis anos, ser un axente dinamizador e transmisor da lingua e da cultura galega a través de propostas de traballo colaborativo. A nosa labor como mestras e dinamizadoras das bibliotecas escolares na busca de fórmulas para motivar e implicar a toda a comunidade educativa (alumnado,  profesorado, familias,  autoridades), non é doado, pero dende logo, resulta moi gratificante en días coma este.
Rematou o tempo das xuntanzas, da toma de decisións, das exposicións nos centros, que xa levan uns días, e chegou o momento final, o momento de abrir as portas a esta exposición e amosarvos o resultado do traballo conseguido, da ilusión e do esforzo, facendo unha mención moi especial aos nenos e nenas dos nosos centros e ás súas familias, xa que sin todos eles isto non tería sentido e, de verdade, cada ano nos sorprendedes máis. 

6/5/17

Montaxe da Esposición "A MARIÑA CON MOITA ARTE"

Na tarde do venres, 5 de maio, os traballos das Bibliotecas Escolares dos Centros da Mariña formaron parte dunha exposición conxunta que se instalou na Sala de Usos Múltiples e na Biblioteca do Concello de Viveiro.
As coordinadoras e equipos docentes montaron os seus  respectivos traballos e todos xuntos formaron un gran  TERRITORIO DAS ARTES.